COMO SE SOSTÉN ISTO?
REBECA BACEIREDO
Tod@s, con máis frecuencia da desexable, nos enchemos a boca. As paixóns son propiamente humanas. E quen dicía isto, tamén dicía que non hai que lacerarse, non podemos mudar a condición, só crecer. Agora ben, o mesmo que entendía a natureza das pulsións, tamén entendía que o contrato social se efectúa dende a razón. Por iso se agarda, con dereito de iure, que os representantes políticos nos que por tradición (que en ningún caso xustifica a duración dun estado de cousas posiblemente censurable) delegamos a nosa potencia, non o fagan en público, cara o público.
É por iso que o feito de que se lle encha a boca a quen ocupa o poder (que sería a potencia representada platonicamente), que é asesorado seguindo as pautas da mercadotecnia, resulta escandaloso. Así, as reiteradas comunicacións a propósito da aposta polas enerxías renovables e limpas, son palabras pronunciadas por quen frega as mans fronte o cacho que vai engulir, por quen carece de sentido da realidade ou por quen cre, inxenua e envexablemente, na noción decimonónica de progreso: vemos constantemente con que facilidade algúns pés despegan do chan.
Galicia exporta enerxía, e quere exportar máis, a costa de chuchar os recursos naturais. Esta é unha aposta característica das elites terceiromundistas con billetes e paradigma occidental/capitalista. Porén, nun xornal galego enunciábase moi recentemente que o noso país importa máis do 70% da enerxía que precisa. Falacia: Galicia importa os recursos naturais que empregará para xerar a enerxía que consume (combustibles fósiles, fundamentalmente, para a térmica e para o consumo particular) e que exporta. Hai que insistir en que tanto a extracción como o procesamento deses recursos ten incidencias no ambiente.
O goberno galego quere, entón, facernos encabezar o ranking mundial de produción de enerxía eólica, a falta de ríos que reter. Afortunadamente non se lle ocorreu inclinarse pola nuclear, de moda tras ser desterrada nos 90, coma Francia, que, por ser moi seguras, sitúa as centrais en Alxeria e Marrocos. En calquera caso, a forza esa que nos regala o vento, tamén ten as súas consecuencias nocivas: alteración do hábitat. E da paisaxe, para quen só conciba esta noción.
Que nos dirán? Que hai que ponderar, que eses efectos non son tan directamente letais para o ser humano coma os do cambio climático, provocado polo CO2. O que non van recoñecer é que, ademais do ser humano, o que se pretende soster ata que dure é un sistema económico, e xa case nada político, no que eles ostentan o poder.
Talvez pecaría de malpensada se este colapso ambiental que esas mans–que-moven-os-fíos nos din querer evitar non se tivera augurado hai xa case máis de dúas décadas, atopándose coa total indiferenza das autoridades, no mellor dos casos, e coa acusación de propagadores/as da apocalipse, no peor (negar a evidencia é sempre peor). Talvez pecaría de malpensada se este máis que posible colapso ambiental non supuxera o colapso da civilización occidental, cos Estados Unidos en cabeza. Ou esta análise é errónea, porque os Estados Unidos foron ben reticentes á hora de aceptar acordos internacionais sobre o tema. E é que USA, agora que pensa empezar a sacarlle rendemento á invasión de Iraq, non lle convén o ritmo ao que baila a UE, na que tampouco cantan os anxos.
Entón, a miña tese vaise centrar na constatación dos primeiros síntomas de decadencia da era do imperio estadounidense por parte da hexemonía e, despois, por parte dos poderes satélites. Hai que reafirmarse: a coroa do imperio elabora unha estratexia e comeza a levala a cabo (Afganistán, Iraq). Hai dificultades polos erros de cálculo. Mentres isto sucede, vaise facendo imposible obviar as consecuencias ecolóxicas da sinistra intervención capitalista no planeta. Os satélites tiveron tempo de reflexionar as súas posicións e tiran por un lado (enerxías “limpas”, sen fume: hidráulicas, eólicos, plantacións de paneis solares en montes comunais expropiados, e nuclear). A potencia decadente tamén entra nese nivel de pensamento (obter beneficio do cambio climático), e, seguindo a súa liña, tira para adiante: hai xa elucubradas rutas turísticas e extraccións de gas e petróleo para unha Groenlandia verde, motivo polo que Rusia marca terreo mexando unha bandeira no fondo do mar, puro estilo 50’s. A potencia non ve tan graves os efectos da súa contumacia en ser a excepción histórica (un imperio sen final). A potencia comeza a valorar o factor da boa imaxe, que debe ser combinada cun punto xusto de presión, recordo imprescindible do seu poder. E cede. Sen números. Sen porcentaxe. Sen compromiso real, logo.
E, baixando a escada que é esta estrutura, os macrointereses son máis evidentemente microintereses. Os intereses persoais no exercicio da política, á súa vez, son mostra de escasos escrúpulos éticos, ou sexa, ausente manifestación do desenvolvemento persoal (isto é, adhesión ao discurso goteado dende arriba e sustentado en fluxos monetarios).
Imos cara un new order e o papel de cada individuo é recuperarse como cidadá/n, isto é, pensar nós cara onde queremos ir.
|
|
SUSTENTABILIDADE:
ORIXE, USO E CONTIDO DO TERMO
V. M.
EL LENGUAJE INSOSTENIBLE
ALBERTO DOMÍNGUEZ
PAU E CENOURA
OTTO MÁS
COMO SE SOSTÉN ISTO?
REBECA BACEIREDO
CAPITALISMO E ECOLOGIA
ROI FERREIRO
SUSTENTAR A VIDA OU SUSTENTAR O DESENVOLVEMENTO?
AURELIA SMITH
A OPINIÓN DUN EXPERTO
REMIXIO F. S.
EL "MITO DE LA RIQUEZA" Y
EL "MOTIVO DEL MAIZ QUE LLORA"
PEDRO GARCÍA OLIVO
UNHA PANTASMA PERCORRE VIGO
GRUPO DE AXITACIÓN SOCIAL
O FUTURO DA LOITA CONTRA REGANOXO: CARA ONDE IMOS?
UN LIBERTARIO (REGANOSADEMOLIZON.ORG)
MEREXO RESISTE
DIEGO AMEIXEIRAS
CAPITALISMO...
VERDE E SUSTENTABLE
ENRIQUE LÓPEZ
FORMIGÓN, HEDRAS E SILVEIRAS
GRUPO ESTRUME E BORRALHA
UNHA LOITA SOSTIBLE?
ELISEO FERNÁNDEZ
TERRA DE COBRE E CHISPAS
VENTO MORTEIRA
CANCIÓN PARA EL HOMBRE CABAL
RAFA BECERRA
MALAS Y BUENAS NOTICIAS
SANTIAGO ALBA RICO
mensagem aos povoadores
PAULO HORTAK
INMUNDICIA
DERRADEIRA CIDADE
Tirado da
"Carta a un refÉn"
ANTOINE DE SAINT-EXUPÉRY
ACHEGAS GRÁ�FICAS |