PORTADA CONTIDO CIRCULARES DISTRIBUCIÓN
 
TERRA DE COBRE E CHISPAS
VENTO MORTEIRA


En Galicia o seu goberno autonómico non queda atrás nos plans de desenvolvemento do sector de enerxías renovables e sustentabilidade. Despois de décadas surtindo de enerxía ao resto do estado, vendo esnaquizados os seus ríos, encarcerados ata o colapso ecolóxico, provocando éxodos de poboación, cambios nos microclimas e ata nos costumes e modos de vida das poboacións afectadas sen que redundara en beneficios de benestar económico nen sequera de garantía de subministración para a poboación, ante o novo ciclo mundial estratéxico de renovar as fontes enerxéticas do petróleo e o carbón, proponse abandeirar a produción destas enerxías renovables.

A tal efecto en Novembro de 2006 a Consellería de Innovación e Industria presenta no Parlamento Galego “Ou Plano enerxético 2007-2012” como a ferramenta que rexerá a política enerxética nos próximos anos. A base do novo plan é “a de consolidar unha base sólida que sexa o motor do crecemento industrial e desenvolvemento económico e faga aumentar os niveis de vida e benestar dos galegos” asociando para iso 6.556 millóns de euros. Os obxectivos do plan, ao rebufo do planeado polas administracións estatal e europea, son o desenvolvemento de novas infraestruturas para a súa xeración, transporte e distribución; reducir a dependencia enerxética de importacións, impulsar o aforro e reducir o consumo particular, fomentar a investigación e o desenvolvemento no campo de novas tecnoloxías e materiais, garantir unha subministración de calidade aos cidadáns e, moi importante, lograr que os beneficios queden en Galicia mediante a participación pública nas empresas enerxéticas.

Aínda que na actualidade en Galicia xa se produce máis do 10% da enerxía eléctrica xerada en todo o estado español e aproximadamente un 20% da termoeléctrica propóñense aumentar a produción para a exportación en termos xerais un 50%, superándose as dúas barreiras existentes para este crecemento a saber: a dependencia do exterior en enerxía primaria e o elevado ritmo do crecemento de demanda enerxética interior. Polo que se busca que no ano 2012 o 95% da enerxía eléctrica consumida en Galicia sexa cuberto por fontes renovables. Nesta liña preténdese: autorizar ata os 6.500 MW de potencia eólica. Duplicar a enerxía eléctrica a partir de biomasa chegando aos 80 MW. Instalar 150.000 m2 de paneis solares para enerxía solar térmica. Aumentar a potencia solar fotovoltaica a de 1,2 a 25 MW, para iso posibilitarase a súa instalación en chan rústico. Producir 400.000 toneladas/ano de biodiesel.

No tocante a enerxías non renovables, prevese que coa entrada en operación das centrais de ciclos combinados de Sabón (Fenosa) e as Pontes (Endesa), -proxectos de coxeración vinculados ao gas natural- e as melloras tecnolóxicos en Ás Pontes e Meirama se vai incrementar a produción de electricidade en 14.500 GW é dicir un 23%. Para iso foi primordial a entrada en funcionamento a toda présa da regasificadora de Mugardos pois se pretende que durante o período 2013-2015 en Galicia se poñan en funcionamento tres novos ciclos combinados; un máis en Sabón de Fenosa e 2 en Ás Pontes de Endesa.

Será desta forma pois que as turbinas de gas,- premiadas con máis dereitos de emisión de contaminantes segundo as pautas de Kyoto, pois emiten menos CO2 e xofre pero si máis oxido de nitróxeno - cubrirán no 2012 o 33% das necesidades enerxéticas en España, por diante do carbón, a nuclear e as enerxías renovables (30%).

Complementariamente dotarase de infraestruturas adecuadas, ampliando a rede de transporte de gas ligada á entrada en funcionamento de Reganosa, e as centrais de ciclos combinados iso si “plenamente respectuosa coas sensibilidades ambientais máis esixentes”. O proxecto completo de desenvolvemento de Reganosa (que se constituíu como unha Sociedade Anónima composta de varios accionistas: Endesa 21%; Fenosa 21%, Grupo Tojeiro 18%, Xunta 10%, CaixaGalicia 10%, Caixanova 5%,Banco Pastor 5%), ) inclúe a súa incorporación plena ao sistema gasístico peninsular co desdobramento do gasoduto Tui-Ribadeo, a súa conexión coa meseta por Ponferrada e a creación de dous eixos paralelos, un pola costa cantábrica e outro pola Costa da Morte. Paralelamente contémplanse toda unha serie de ramais para a gasificación integral do territorio; todo iso contemplado e presupostado así mesmo nos plans do estado español. Sobre Reganosa só dicir que xerou escasos 170 empregos directos, que os empresarios aplaudiron a rabiar a súa entrada en funcionamento porque fará máis competitivas ás súas empresas ao saírlle o combustible máis barato, e que se fixo ama e señora da ría de Ferrol.

No sector da enerxía hidroelétrica podemos diferenciar dous eixes de explotación:
1º. - As cuncas do Miño e Sil de competencia estatal en pleno proceso de disputas de competencias e fixación de sedes do seu órgano xestor, a Confederación Hidrográfica.
Nesta cunca de antiga e exhaustiva explotación, onde xa non se poden formular grandes infraestruturas do tipo encoros, mais como ao parecer o rendemento dos sete grandes encoros do Miño e outros tantos de Sil dende o seu nacemento non é do 100%, preténdese modernizar as turbinas e os xeradores, returbinar as augas verquidas e mesmo returbinar os caudais ecolóxicos. Son significativos os plans de Iberdrola en Santo Estevo de Ribas de Sil para aproveitar mediante unha infraestrutura demoledora as paredes do Canón do Sil; de momento o proxecto foi paralizado pola oposición ambiental que obrigou o Goberno autonómico a informar en contra dil, mais xa sabemos por onde van as intencións, e o proxecto segue enriba das mesas dos despachos. Aínda así, quixeron explotar os afluentes do Miño con minicentrais pero a presión veciñal, ecoloxista e nacionalista fixo que se foran paralizando a maioría dos devanditos proxectos por parte da Confederación. No tocante a infraestruturas preténdese que a exportación da electricidade se realice con menos perdas de tensión e maior capacidade de transporte de modo que os beneficios empresariais sexan maiores; para iso hai en marcha un ambicioso proxecto de modernizar o tendido de liñas de alta tensión ata o 2016. En concreto enlaces con Asturias e a conexión coa meseta mediante a transformación a dobre circuíto de 400 Kw da liña Trives-Tordesillas (que curiosamente planea por espazos incluídos na rede Natura) así como reforzar as acometidas que subministran aos polígonos industriais e as áreas metropolitanas; da cobertura eléctrica no mundo rural nada se contempla.
2º. - As cuncas de Galicia-Costa de competencias exclusivas dos sucesivos gobernos autonómicos. Foi no ano 1986 cando asumiu a Xunta as competencias plenas de explotación, aproveitamento, ordenación e concesións dos recursos hidráulicos das súas cuncas. Tras desenvolver lexislativamente os distintos sistemas e organismos axeitados para o seu control constitúese o Organismo Autónomo “Augas de Galicia” quen elabora a proposta e aproba a proposta do Plan Hidrolóxico Galicia-Costa. No seu contido reflíctense aspectos como o inventario dos recursos hídricos, protección e medidas pra prever as enchentes, usos e demandas futuras, clarificar a situación administrativa (por ao día as concesións outorgadas) e fixar os criterios de prioridade nos aproveitamentos dos caudais; nos primeiros postos figura o abastecemento a poboación e as industrias, despois os ¿”recursos para protección e mellora ambiental”?, seguido dos regadíos e usos agrarios e o aproveitamento hidroeléctrico por diante do aproveitamento para pesca, usos recreativos, navegación, transporte e calquera outro. Aínda así contémplase que estas prioridades se poden alterar durante a explotación dun sistema dado mantendo a prioridade nº 1 salvo os recursos regulados polas grandes infraestruturas que poden establecer a súa orden de prioridades.

Trátase simplemente da intervención humán na totalidade dos caudais dos principais ríos do interior de Galicia. Os plans hidrolóxicos usurpan o desfrute e aproveitamento do caudal dos ríos e das cuncas e ribeiras aos individuos e as poboacións para pasar a ser de dominio público, é dicir, propiedade do Goberno, que regula a súa explotación, ofrecéndollo ao interese privado das empresas enerxéticas e os construtores de infraestruturas como polígonos industriais e urbanizacións -que na maioría das ocasións son as mesmas persoas- e que multiplican os seus beneficios co seu tratamento e posterior venda, xa sexa en forma de enerxía ou de auga potable á poboación.

Os ríos deixan de ser ríos para se converter en caudais de auga susceptíbeis de explotación en toda a súa lonxitude desterrando deles a vida animal e vexetal; non esquecemos os sucesivos envelenamentos industriais no Ulla e o Umia. Baixo o pretexto de acometer obras publicas para asegurar o abastecemento á poboación e evitar enchentes proxéctanse encoros que esconden intereses de explotación hidroeléctrica amparados en estudios ambientais partidistas, ficticios e faltos de rigor. Non obstante nos últimos anos trala asunción do poder polos partidos da esquerda reformista paralizáronse aproximadamente 24 proxectos e suspendéronse as concesións máis sangrantes e destrutivas ante as demandas de colectivos e asociacións que se mobilizaron intensamente nas cuncas do Ulla, o Umia e o Tambre. Mais os recursos hídricos seguirán estando en mans estatais e privadas e os proxectos de explotación nos despachos esperando o momento propicio.

No borrador do decreto polo que se regulará a enerxía eólica en Galicia, a Consellería de Innovación e Industria expón un catalogo de boas intencións, compromisos e autolouvanzas, a saber: somos o referente mundial en potencia eólica instalada, e en desenvolvemento de tecnoloxías do sector e así ten que seguer sendo. Non só chegaremos aos compromisos de “desenvolvemento sustentable” de Göteborg que fixaba que en 2010 o 22% de consumo de electricidade proveña de enerxías renovables senón que os superaremos amplamente. Proponse destacar neste campo baixo tres parámetros idílicos que farán que sexa aceptada e defendida con fervor polas xentes; o primeiro, que ademais da consecución dos obxectivos enerxéticos, sirva como un vector de crecemento económico amplo nos territorios nos que se implanta; segundo, o desenvolvemento será exemplar no plano ambiental, o que significa que ademais de ser limpa en canto a emisións de gases, na súa implantación será especialmente respectuosa cos valores ambientais e de protección de ecosistemas; terceiro, suporá un progreso social non só para os promotores senón para o conxunto da cidadanía, estreitando o vínculo enerxía-sociedade. Así, baixo estes tres parámetros, preténdese que no 2010 existan 6.500 MW autorizados na Comunidade; 3500 deles en funcionamento; o que suporía pasar dos 800 aeroxeradores instalados e en funcionamento aos 1750. Para iso a administración velará polo desenvolvemento das innovacións tecnolóxicas máis punteiras do sector, a realización das infraestruturas necesarias para a incorporación da enerxía á rede para a súa exportación e co fin de acalar as conciencias da xente que poidan pensar que está sendo espoliada e explotada, o sector público participará no capital dos promotores para que a sociedade galega no seu conxunto se poida beneficiar de xeito directo dos rendementos xerados.

Como queira que, tras os tiras e afrouxas entre os poderes estatal e autonómico por competencias, autorizacións dos parques eólicos e ganancias fiscais, chegaron a acordos para repartirse o negocio tras repartir as faragullas dos promotores ás comunidades de montes e veciños afectados, é polo que se desenvolve este borrador de Decreto que actualizará os procedementos para adxudicacións, instalacións, potencia, planificación, desenvolvemento e transporte desta enerxía. Destacar neste borrador dous capítulos: 1) simplifícanse para as empresas os trámites da declaración de utilidade pública para os efectos de expropiación forzosa de bens e dereitos necesarios para o seu establecemento e da imposición do exercicio das servidumes de paso botando man dunha a lei de expropiación forzosa de 1954. Que paradoxo capitalista que un proxecto privado, -iso si con participación institucional do 10%-, se converta nun proxecto de utilidade publica por arte de maxia! 2) O segundo punto a resaltar é o da memoria ambiental. Os proxectos de parques eólicos se someterán a avaliación de impacto ambiental. A devandita declaración de impacto ambiental tramitarase conforme a un Decreto de 1990 na que o promotor formula as avaliacións ambientais do seu proxecto e, curiosamente, se os impactos son negativos, as medidas correctoras para atenualos na medida do posible e outra hipocrisía: indícanse os procedementos utilizados para coñecer o grao de aceptación ou repulsa social da actividade.

O estudio ambiental é un xogo macabro coa natureza entre as empresas depredadoras, os órganos consultivos mediatizados e partidistas da Consellería e os organismos decisores, sexan o Ministerio de Industria ou a Consellería na que sempre van primar os intereses económicos enerxéticos fronte aos usos e forma de vida da poboación que vive nas montañas e a propia montaña como ecosistema en si, reducindo a reservas as paraxes naturais consideradas así polos gobernos nos seus documentos que pasan a formar parte dunha especie de privatización da montañas donde iles deciden que terreos se poden mercantilizar, valar, explotar e arrasar a conciencia e en que montañas se fai un couto para uso e desfrute de privilexiados que ata alí se poidan desprazar, tal coma se fose a creación de parques de recreo temáticos, reliquias do que noutro tempo existiu.

No novidoso sector de produción enerxética a partir da biomasa observaremos máis do mesmo. Seguindo os ditados da Unión Europea e o Plan enerxético nacional a Xunta elabora un borrador de Decreto polo que se regula o procedemento de autorización de instalacións de produción de enerxía eléctrica a partir de biomasa forestal. Para iso vanse explotar tanto as masas forestais como restos do tratamento da madeira, codias, matogueira, sotobosque e cultivos enerxéticos forestais para chegar aos 80 MW de potencia instalada. Con estes obxectivos delimitan Galicia en 7 áreas de xestión de biomasa (AXB) onde se instalarán as correspondentes centrais de produción cada unha delas de 15 MW de potencia. Estas centrais terán dereito de tanteo e retracto sobre a biomasa forestal do seu AXB e recollerán a biomasa das súas áreas de influencia, así mesmo se regulará mediante Orde a superficie dedicada aos cultivos enerxéticos que as han de surtir.

Temos nin máis nin menos que unha continuidade disfrazada de sustentabilidade na explotación dos nosos bosques que vén de hai 50 anos. Nos plans do franquismo transfórmase o monte galego co masivo repoboación de especies de rápido crecemento como o eucalipto e o piñeiro para a implantación das madeireiras e celulosas. No mercado económico actual, o valor destas especies decreceu considerablemente. Para seguir explotando sistematicamente os bosques e axudar ás empresas do sector, de forma que poidan ter maiores beneficios, rendibilízanse os traballos de podas e rozas, e emprégase como combustibles as codias non aproveitables dos eucaliptos e os piñeiros e, alí onde a matogueira crece exuberante, precisamente na media altura dos montes e nos bosques autóctonos de caducifolias, vaise rozar a conciencia para empregar como combustible nas centrais.

É a mesma mentalidade da explotación sistemática e intensiva do chan para obter ganancias, neste caso do bosque. Todo se ha de poñer en valor monetario e susceptible de aproveitamento ou como mercadoría ou como enerxía. Os usos tradicionais nos que o bosque era aproveitado polos individuos e as comunidades, ben como fertilizante, como combustible, como produtor de alimentos, como madeira para a fabricación de mobles, na medida estritamente das súas necesidades, deixou paso, como acontece cos aeroxeradores, á mercantilización e privatización dos bosques na súa totalidade, pouco importa que as matogueiras e a vexetación do sotobosque alberguen e sirvan de sustento á maior parte da fauna e flora do ecosistema que despois queren preservar en reservas de fauna e viveiros; pouco importa que a propia descomposición do sotobosque sexa a fonte de nutrición das árbores e dos fungos, mentres sirva de combustible para xerar máis electricidade, máis consumo e máis beneficios; a escusa da prevención de incendios e a rendibilidade monetaria para os veciños é outra mostra de falacia.

Remataremos co sector dos biocarburantes. A Consellería de Medio rural e subordinada a Dirección Xeral de Investigación estuda a viabilidade de cultivar na comunidade soia, colza e xirasol e deste xeito pechar o ciclo produtivo abastecendo ás cinco industrias dedicadas á produción deste carburante que se proxectan en Galicia e á planta de bioetanol en funcionamento de Abengoa en Curtis. Os grandes capitalistas como o grupo Acciona xa conseguiron da Xunta 3,7 millóns de euros en investimentos para unha planta de biodiesel ao lado de Repsol YPF na Coruña que sería a súa clienta principal; xunto a iso a Consellería de Economía concedeu axudas de 12 millóns de euros para os proxectos “Entaban Biocombustibles de Ferrol”; “Infinita renovables” en Salvaterra; “Tecnoambiente Galicia” en Cerceda; “Ariasa Bionerxía” en Ordes e “Biocarburantes de Galicia” en Begonte e outra planta de biodiesel do grupo Tojeiro en Mugardos. Aínda así non debe ser suficiente o apoio dos gobernos ás industrias que se han de lucrar coa produción destes combustibles que as consultoras que asesoran ás empresas do sector enerxético esixen máis axudas da Xunta, matizando que aínda que os agricultores manifestaron o seu apoio aos “cultivos enerxéticos” non lles chegan os 45 euros por Ha que lles dá a UE polo que a Xunta debería achegar outras axudas e seguir máis alá do 2010 coas condicións fiscais tan vantaxosas para esta produción. A colza é unha planta semellante á nabiza polo cal o seu cultivo non debe presentar problemas, o xirasol compórtase ben en terreos de secaño polo que terán que estudar a área de implantación, máis complicado é a soia que ao ser unha leguminosa se deberá corrixir a acidez do chan con inxentes cantidades de cal e aínda que en principio non será necesario regar os secaños húmidos de influencia atlántica é probable que se necesite regadío no Val de Lemos.

Ninguén pode prever o alcance social, humano e ambiental destes novos cultivos probablemente transxénicos nas terras de Galicia. Os efectos de encarecemento dos cereais e produtos básicos na alimentación e a cavadura intensiva de bosque, deforestación, e migracións de poboación asociadas ao seu cultivo xa son visibles noutros países e a besta semella que non se vai deter por si mesma.

SUSTENTABILIDADE:
ORIXE, USO E CONTIDO DO TERMO

V. M.


EL LENGUAJE INSOSTENIBLE
ALBERTO DOMÍNGUEZ


PAU E CENOURA
OTTO MÁS


COMO SE SOSTÉN ISTO?
REBECA BACEIREDO

CAPITALISMO E ECOLOGIA
ROI FERREIRO

SUSTENTAR A VIDA OU SUSTENTAR O DESENVOLVEMENTO?
AURELIA SMITH

A OPINIÓN DUN EXPERTO
REMIXIO F. S.

EL "MITO DE LA RIQUEZA" Y
EL "MOTIVO DEL MAIZ QUE LLORA"

PEDRO GARCÍA OLIVO

UNHA PANTASMA PERCORRE VIGO
GRUPO DE AXITACIÓN SOCIAL

O FUTURO DA LOITA CONTRA REGANOXO: CARA ONDE IMOS?
UN LIBERTARIO (REGANOSADEMOLIZON.ORG)

MEREXO RESISTE
DIEGO AMEIXEIRAS

CAPITALISMO...
VERDE E SUSTENTABLE

ENRIQUE LÓPEZ

FORMIGÓN, HEDRAS E SILVEIRAS
GRUPO ESTRUME E BORRALHA

UNHA LOITA SOSTIBLE?
ELISEO FERNÁNDEZ

TERRA DE COBRE E CHISPAS
VENTO MORTEIRA

CANCIÓN PARA EL HOMBRE CABAL
RAFA BECERRA

MALAS Y BUENAS NOTICIAS
SANTIAGO ALBA RICO

mensagem aos povoadores
PAULO HORTAK

INMUNDICIA
DERRADEIRA CIDADE

Tirado da
"Carta a un refÉn"
ANTOINE DE SAINT-EXUPÉRY

ACHEGAS GRÁ�FICAS

Colectivo editorial Renderén | colectivo.renderen(a)gmail.com | OURENSE - Galiza