SUSTENTABILIDADE:
ORIXE, USO E CONTIDO DO TERMO V. M.
Ao principio dos anos setenta, economistas, foros, publicacións e acontecementos mundiais puxeron en tea de xuízo a viabilidade do crecemento como obxectivo económico planetario; foi entón cando os consultores de Nacións Unidas propuxeron a palabra “ecodesenvolvemento” como o termo de compromiso que buscaba conciliar o aumento da produción que reclamaban os países do terceiro mundo con respecto aos ecosistemas necesarios para manter as condicións de habitabilidade da Terra. Este termo foi vetado rapidamente pola diplomacia norteamericana substituíndose polo de “desenvolvemento sostible” que os economistas máis convencionais aceptaban sen receo; tratábase de promover o desenvolvemento tal e como o viña entendendo a comunidade de economistas, aínda que sostido (sustained) ou sostible (sustainable), contradicía a palabra desenvolvemento pois como moitos críticos apuntaban “desenvolvemento sostido” sería desenvolvemento sen crecemento.
Nos anos 1987-1988 tras o “Informe do Noso Futuro Común” no marco das Nacións Unidas foise xeneralizando e poñendo xa de moda o obxectivo de “desenvolvemento sostido” que definiron como “aquel que permita satisfacer as nosas necesidades actuais sen comprometer a capacidade das xeracións futuras para satisfacer as súas”, con iso subliñábase implicitamente a insustentabilidade do modelo económico cara ao que nos conducira a sociedade industrial e capitalista.
O éxito de tal termo debeuse precisamente ao seu carácter ambiguo, pois trataba de enunciar un desexo xeral sen precisar o contido, ligando nun momento dado as preocupacións ambientais da sociedade co desenvolvemento industrial. E iso porque nin se cuestionaron a reconversión dos patróns económicos vixentes nin o modo de levalo á práctica para conxugar ecosistemas e desenvolvemento, pero desa forma teríase contentos a un tempo aos pensadores “desarrollistas” e “ambientalistas”.
Así nos últimos anos do século XX e principios do XXI asistimos a un novo rexurdimento dos vellos termos e conceptos. O panorama dos ecosistemas do planeta é desolador, as catástrofes ambientais e humanas convértense na orde do día pero a vella fórmula inoperativa do desenvolvemento sostido vólvese enarborar polas conformistas correntes do pensamento económico e os sistemas políticos vixentes. A idea imposta é agora a de diferenciar crecemento e desenvolvemento; poñendo límites a aquel pero non ao desenvolvemento e por suposto tampouco aos ingresos, movemento e distribución de capitais. Ao mesmo tempo esténdese, xeneralizándose a do termo “desenvolvemento sostible” e asociada, a acción de “sustentabilidade”, co mesmo contido banal e retórico, a todas as actividades humanas: a agricultura, gandería, sistemas urbanos, medios de comunicación e novas empresas post industriais.
Con todo, fronte á teoría imperante entre os políticos e economistas capitalistas máis reaccionarios, de asumir a meta do crecemento (ou desenvolvemento) económico custe o que custe, difundindo a idea de que a calidade do medio está chamada a mellorar a escala planetaria a partir de certos niveis de produción e de renda que permitan inverter en melloras ambientais, escóitanse voces de “críticos” como Wolfang Sachs ou Richard B. Norgaard que subliñan que xuntar sustentabilidade e desenvolvemento é inconsistente. Que o obxectivo da sustentabilidade se revela incompatible co desenvolvemento dun sistema económico; a globalización do cal orixina á vez homoxeneización cultural e destrución ambiental, cualificando “desenvolvemento sostible” de “corrupción de pensamento, mente e linguaxe” e, apuntando a idea de que a sustentabilidade non será froito da eficiencia e do desenvolvemento económico, senón que implica decisións sobre a equidade actual e interxeracional. Que é imposible que un sistema arranxe internamente o deterioro causado polo seu propio funcionamento e que non se chegará a situación na que a partir de certo desenrolo e nivel de renda os países invistan en melloras ambientais e de condicións de vida para os seus cidadáns. Por exemplo: o actual modelo das economías do chamado primeiro mundo recorreu para mellorar a calidade interna do sistema á importación de enerxías doutros territorios subdesenvolvidos e a exportación cara a istes de residuos e procesos contaminantes.
Por iso os economistas críticos co sistema propugnan o redeseño do sistema para conseguir que empregue máis eficientemente os recursos e en consecuencia xere menos perdas, xa sexa en forma de residuos ou de calidade interna; o problema estriba en reflectir algo tan intanxible e incalculable como a calidade ambiental e os recursos das xeracións vindeiras e poñelo en relación co universo do valor, das rendas Nacionais, a moeda, os stocks de bens, de capital e agregados, o Produto Neto...etc do capitalismo industrial e financeiro dos tempos actuais.
Por último adóitase diferenciar entre tres clases de sustentabilidade: A sustentabilidade global -tomando a Terra como escala de referencia. A sustentabilidade local -referida a sistemas ou procesos parciais ou limitados no espazo e o tempo. A sustentabilidade parcial -cando se refire só a algún aspecto, subsistema ou elemento determinado (p.e.: a auga, a enerxía...)
E evidentemente, tanto a local como a parcial chegan a converxer a mediano ou longo prazo coa global; polo que o enfoque analítico parceiro aplicado á solución de problemas e á busca de rendibilidades a curto prazo, predominante na civilización industrial leva á insustentabilidade no tempo e á deterioración doutras parcelas ambientais, é dicir que a “sustentabilidade” local das cidades veuse apoiando nunha crecente insustentabilidade global dos procesos de apropiación, subministración agricola-gandeira, actividades extractivas e industriais que as abastecen, coa vertedura de residuos que deterioraron e arruinaron territorios próximos e aínda afastados. O punto de arranque das novas teorías sobre enerxías renovables, desenvolvemento sostido e cambio climático é sen dúbida o Protocolo de Kioto de 1997 polo cal os países industrializados se comprometeron a executar medidas para reducir os gases de efecto invernadoiro sobre todo dióxido de carbono, metano, oxido nitroso e gases industriais fluorados nunha porcentaxe aproximada de 5% no período 2008- 2012 co obxectivo de diminuír o cambio climático de causas humanas que ameazaba con destruír os ecosistemas e sobre todo afectar á economía mundial imperante. Diremos que ese 5% por cento non afecta de xeito particular a cada país senón que é unha porcentaxe a nivel global e cada país ten as súas propias porcentaxes que debe diminuír. Ratificado por Rusia no 2004 entrou en vigor no ano 2005. Ademais do cumprimento en canto á emisión de gases os países asinantes comprométense a promover a xeración dun desenvolvemento sostible, de forma que se utilicen enerxías renovables ou alternativas ao petróleo, ao gas e ao carbón.
Resultado práctico de tan gabado e aplaudido proxecto mundial foi a nova mercantilización do ar; a compravenda de emisións de gases e “créditos de contaminación”, oportunidades de novos negocios, a reforestación a grande escala destruíndo hábitats físicos e humanos en países empobrecidos para xerar créditos, a fraude de empresas contaminantes e ao mesmo tempo verificadores de emisións ou consultores, a fuxida de empresas e industrias a países máis beneficiosos en canto adxudicacións de cotas de contaminación e a integración na maquinaria e estrutura do sistema industrial e financeiro de organismos e grupos críticos e combativos antano e hoxe constituídos en garantes do cumprimento dos novos acordos, tales como organizacións ecoloxistas e ONGs.
De todos os xeitos, como apuntan moitos escépticos é moi probable que nin sequera nos seus obxectivos máis ridículos ou mínimos como é o da redución dun 5% global de emisións contaminantes poida chegar a conseguirse logro ningún; e tan obvio era que as propias potencias imperialistas e a comparsa da ONU propugnan unha nova reunión en Bali co resultado dunha mala pantomima que lles debía facer caer a cara de vergoña.
|
|
SUSTENTABILIDADE:
ORIXE, USO E CONTIDO DO TERMO
V. M.
EL LENGUAJE INSOSTENIBLE
ALBERTO DOMÍNGUEZ
PAU E CENOURA
OTTO MÁS
COMO SE SOSTÉN ISTO?
REBECA BACEIREDO
CAPITALISMO E ECOLOGIA
ROI FERREIRO
SUSTENTAR A VIDA OU SUSTENTAR O DESENVOLVEMENTO?
AURELIA SMITH
A OPINIÓN DUN EXPERTO
REMIXIO F. S.
EL "MITO DE LA RIQUEZA" Y
EL "MOTIVO DEL MAIZ QUE LLORA"
PEDRO GARCÍA OLIVO
UNHA PANTASMA PERCORRE VIGO
GRUPO DE AXITACIÓN SOCIAL
O FUTURO DA LOITA CONTRA REGANOXO: CARA ONDE IMOS?
UN LIBERTARIO (REGANOSADEMOLIZON.ORG)
MEREXO RESISTE
DIEGO AMEIXEIRAS
CAPITALISMO...
VERDE E SUSTENTABLE
ENRIQUE LÓPEZ
FORMIGÓN, HEDRAS E SILVEIRAS
GRUPO ESTRUME E BORRALHA
UNHA LOITA SOSTIBLE?
ELISEO FERNÁNDEZ
TERRA DE COBRE E CHISPAS
VENTO MORTEIRA
CANCIÓN PARA EL HOMBRE CABAL
RAFA BECERRA
MALAS Y BUENAS NOTICIAS
SANTIAGO ALBA RICO
mensagem aos povoadores
PAULO HORTAK
INMUNDICIA
DERRADEIRA CIDADE
Tirado da
"Carta a un refÉn"
ANTOINE DE SAINT-EXUPÉRY
ACHEGAS GRÁ�FICAS |