PORTADA CONTIDO CIRCULARES DISTRIBUCIÓN
 
FORMIGÓN, HEDRAS E SILVEIRAS
GRUPO ESTRUME E BORRALHA


Despois de cincuenta anos de desfeita e destrución irreparábeis –ancorada e asumida pola memoria colectiva– que fixeron as empresas, as mafias e os grupos de poder e presión da dereita e o franquismo –arroupados polas institucións estatais autoritarias– converteron a península ibérica en barriadas, polígonos industriais, urbanizacións e emporios turísticos, provocando unha masiva migración forzosa, unha masificación e unha ruína económica e de condicións abafantes pra unha ampla capa da poboación. Por outra banda acoutaron espazos privilexiados nos centros das cidades e en elixidas zonas do extraradio pra unha minoría da elite política, económica e social. A democracia representativa instaurada, ocupada hoxe polas elites liberal-progresistas, abandeira un novo modelo económico e social denominado urbanismo sustentable.

A élite reaccionaria non tivo pudor nengún en roubar, especular, expropiar, explotar, destruir, e matar pro logro do seu papel preponderante na posesión da riqueza e o poder baseado no control da vivenda e do espazo. É máis, o círculo de explotación complétase co accionariado das empresas da construción no entramado financeiro e no enerxético destes nas outras de xeito que queden baixo o seu control todo canto concerne ó benestar do individuo e as súas condicións básicas de desenvolvemento.

Mais no sistema político actual prodúcese un relevo, cada certo tempo, dunha minoría gobernante por outra, de modais e ideas máis progresistas e cun maior nivel de compromiso social, que leva adiante unha política de melloras cara as capas medias e baixas da sociedade .

A adopción por parte do goberno e o estado desta serie de medidas vai orientada a tentar paliar os abusos e a rapacidade dos construtores, promotores, propietarios e terratenentes que pouco a pouco deu en orixinar un descontento social alarmante que ben puidera ser foco de revoltas tanto pola precarización da vida nos privilexiados que poden chegar a adquirir ou alugar unha vivenda como dos que non teñen nengunha posibilidade, sendo excluídos do capítulo constitucional de vivenda digna. O mesmo tempo dáselle saída a unha conciencia ecoambiental que xa leva calado nos derradeiros 20 anos en amplas capas da sociedade e que con posturas máis ou menos radicais escomenza a ter significación política e o seu reflexo en numero de votos, escanos e toda a parafernália do parlamentarismo.

En todo caso aínda que as medidas e a nova orientación regulamentaria pase por progresista e favorecedora das economías máis modestas ou precarias no seu intento polo acceso a unha vivenda digna, e tamén por fornecedora de todas aquelas medidas internacionais que fan mención a termos xa aborrecidos de tanto uso valeiro, coma cambio climático, capa de ozono, aforro enerxético, criterios de sustentabilidade, novas fontes de enerxía, etc ...o certo é que o capital e as persoas que seguen tendo na súa man todo canto concerne a construción, materiais, propiedade do solo, enerxías e suministros das vivendas, seguen a pertencer ás mesmas camadas. Houbo fusións, vendas, compras, transformacións de accionariado... etc. Mais as cabezas que moven os fíos, presionan e negocian nos despachos do estado non superan as cen que curiosamente corresponden coas maiores fortunas do país.

Así que logo o empuxe, loable iso si, por desfacer e por coto ós desmáns da construción e das infraestruturas e pra axeitarse a uns tempos que claman, –aínda que só sexa– xustiza, igualdade, respecto e dignidade, oriéntanse por dous carreiros :
1) As medidas e novas técnicas e materiais, emerxidas das vellas empresas e monopolios e tamén dos novos negocios creados nesta época e polos ideólogos da arquitectura e o urbanismo.
2) O papel do estado, a intervención e a salvaguarda dos intereses propios pra súa continuidade.

No tocante ó primeiro apartado contémplase pola patronal das inmobiliarias e das construtoras literalmente: “unha mudanza no modelo de actuación no sector da construción pra que tódolos axentes implicados teñan conciencia de que as novas tecnoloxías, criterios e materiais son viables a nivel económico e que a súa aplicación pode contribuír a redución do consumo nos recursos ambientais e non só pra mellorar o benestar ambiental de todos senón tamén pra asegurar a continuidade no desenrolo dos nosos negocios dependentes destes recursos”.

Búscase unha nova xestión urbanística garantindo a integración no entorno físico, antepondo criterios ecolóxicos e bioclimáticos así como o desenrolo de procesos e materiais novos pra a construción. Ademais, contémplanse e recóllense aspectos do capítulo esquecido deica agora da rehabilitación de vivendas segundo iles pra dinamizar e revitalizar contornos en decadencia e recuperar zonas urbanas degradadas ante a falta de solo e a compensación e saturación do crecemento imparable das metrópoles.

Pois ben, teñen agora en conta aspectos bioclimáticos como a orientación, aproveitamento solar, ventilación e materiais non tóxicos, barreiras verdes de especies vexetais pra aclimatar e servires de barreira acústica e benestar espiritual; todos iles vendidos a prezo de ouro cando xa foran tidos en conta polo home dende os remotos tempos da prehistoria na súa procura de refuxio e vivenda. A escusa é nestes tempos o aforro enerxético tanto de combustibles e enerxía empregados pro quecemento e a refrixeración das moradas como no uso da auga e o seu aproveitamento, reciclando a empregada ante a presente escaseza e a ausencia da mesma que virá. Todos eles son parámetros económicos de negocio. Trasládese a construción e ó consumo a responsabilidade do aforro tendo en conta que tempos viran en que a enerxía, co actual índice de crecemento, será insuficiente pra demanda da poboación; e o que é máis grave pra iles, a escaseza de enerxía pra seguer alimentando a industria, o transporte e o comercio. O negocio estriba en subir os prezos de xeito que se consuma menos, mais os ingresos polo seu uso non paran de ter unha crecida progresiva que harmonice as súas contas de resultados.

A construción de vivendas nos parámetros expostos constitúen un capítulo máis do elitismo máis hipócrita por canto só círculos sociais adiñeirados, con conciencia de conservación ambiental e preocupados pola súa propia saúde poden asumir os custes arquitectónicos e de emprego de materiais ostensiblemente máis onerosos nas devanditas construcións. Namentres o resto que nunca poderá acceder nen sequera as vivendas de protección pública, seguirá morrendo en polígonos, suicidas infames e insalubres. Aínda por riba fan referencia a construción de urbanizacións, facendo estudos previos de nos de transportes públicos accesibles, intercambiadores e mobilidade sustentable; excelente idea que –agora que o transporte en vehículo propio polas cidades chegou a saturar as principais vías de comunicación chegando a ser un problema engadido a explotación do traballador ó repercutire no seu rendemento– esconde outra clase de elitismo. Descontamínase acústica e atmosféricamente o contorno das urbanizacións, a fin de que quen poda ter e usar o vehículo propio non se vexa atosigado polo trasego abafante mesmo dende as portas da súa casa, e os que menos cuartos teñan pois recorran a un transporte público nas mans de empresas privadas que nunca na vida será gratuito xerando pois outra clase de negocio.

Máis no fondo da aposta hipócrita destes tempos polo transporte público aséntase o medo certo a que o colapso circulatorio nas cidades desbarate o modelo actual da mobilidade forzosa e o desprazamento continuo de mercadorías e homes que sustenta a explotación industrial e comercial do sistema capitalista global e que, hoxe por hoxe, é tan temido pola burguesía e as elites da política e as finanzas, tanto como antano a folga xeral revolucionaria, pois salvando as distancias, o resultado aínda que só sexa a curto prazo é o mesmo: a paralización da actividade no sistema.

No tocante a importancia agora dada a rehabilitación de vivendas e núcleos degradados nos cascos históricos ou vellos das cidades e vilas, e xa entramos na competencia da burocracia do estado, o seu cinismo non pode chegar máis lonxe. Despois de décadas deixando cair as casas dos núcleos históricos, precarizando ou abandonando os servizos básicos prestados, e converténdoos en guettos pra marxinados, escomenzaron (cos préstamos da UE) a lavar a cara das fachadas e prazas, deixando morrer na miseria ós moradores e forzando a migración forzosa pola expropiación ó declararen a ruína fraudulenta.

De paso os propietarios dos predios aproveitaron, en complicidade cos promotores e as administracións, para baleirar de xente os edificios e os baixos de rendas antigas que precisamente correspondían coas rendas das capas máis pobres da sociedade. En pouco tempo, a vida cotiá, colectiva e veciñal desapareceu dos cascos vellos, mudando nunha actividade museística adicada ós turistas e ós ociosos e para favorecer o comercio de bagatelas, as tendas de artigos de luxo e a implantación de despachos profesionais. Coa escusa dos eventos internacionais precipitouse iste modelo e na actualidade o ritmo de rehabilitación vai consonte as inversións das clases adiñeiradas, das executivas das empresas, a banca e os organismos da administración; as moradas dos antigos poboadores desapareceron e no seu canto contémplase, pra máis escarnio, e pra “dinamizar” o contorno o desenrolo de pisos de protección oficial pra xuventude; pra unha xuventude que sexan fillos de ricos que así poden invertir en inmobles pros seus herdeiros co financiamento da xunta, o concello e o ministerio.

E a demolición de casas, o desterro, a exclusión e a migración forzada da poboación con menos cartos non acabou nos cascos vellos. Continúa en calquera zona apetecible do extrarradio das cidades pra novas urbanizacións, infraestruturas ou o que sexa apelando aínda por riba ó interes xeral.

Os aparatos do estado –chamémoslles así– xa reparten o seu cupo de influenza, xestión e protagonismo. Sexa o concello ou a administración estatal ou autonómica que tanto ten, póñense agora a faena de organizar e ordear o territorio, iles decretan quen, como, o que e onde se pode construír.

E así entón que trala permanencia da dereita no poder, co camiño ben expedito polos gobernos anteriores dos socialistas, nos que se deixou a man aberta para facer e desfacer o seu antollo ós promotores, as construtoras e propietarios do chan sen máis condicións que o suborno privado e o financiamento dos partidos políticos e sindicatos.... As novas bandas de políticos de ideas socializadoras –aínda que coa mesma ambición polo enriquecemento persoal e financiamento do partido–, toman o temón no asunto da especulación inmobiliaria denantes que a situación se lles vaia das mans e a poboación cuestione o papel do estado. A desfeita e a destrución xa era clamorosa e, a apropiación da maior parte do chan polos consorcios de especuladores, empresas e os terratenentes, puña en perigo o mesmo “estado de benestar”, –ficticia sensación que apacigua calquer movemento revolucionario–. Así que logo, cómprase chan polo estado pra riparllo da man dos especuladores e dese xeito sacar máis solo ó mercado pra contribuír o abaratamento da vivenda e tamén tentar protexer o pouco que queda de espazo natural tanto nas costas como no interior. Con estas medidas pensan acalar no pobo a sensación de ser o da vivenda unha das maiores lacras da sociedade actual e do desenrolo humano e, o tempo, templar a inquietude manifesta que sobor da extinción da natureza virxe calou na xente . Pois ben, temos o estado convertido en promotor coa inestimable axuda das caixas de aforros, a banca, os construtores e os donos das materias e a maquinaria de toda a vida , e de paso tamén se sanean as arcas do estado.

Por outra banda, tratan de coller as rédeas na ordenación do territorio, planeando polo miúdo aquelo que é edificable, aquelo que pode ser, aquelo que se pode cambiar de nome, o que é chan pra industrias, pra aproveitamento forestal ou agropecuario e tamén pra novas infraestruturas, segundo rezan “para deter a anarquía existente deica agora, defender o mundo rural e as explotacións agrícolas e gandeiras e a natureza e o patrimonio en perigo”. En dúas verbas: a persistencia e continuidade do papel do estado como garante dos dereitos básicos da poboación, ise é o papel que toca xogar. O papel de asentar na poboación a idea de que o estado constitúe unha protección e salvagarda do benestar común ante a especulación do capital privado; é o xogo de sempre do “poli bo, poli malo”.

Toda canta teoría, declaración de intencións e exposición de motivos e proxectos recollidos aquí na Galiza (e practicamente iguais nos outros pobos da península) na Lei 9/2002 de Ordenación urbanística e a Ley 15/2004 que a modifica e a complementa desmóntanse peza por peza coa simple observación dos feitos e esculcando as verdadeiras intencións do aparato estatal.

Xa é moi tarde pra que os sistemas de poboamento por excelencia na Galiza que sempre constituíron a aldeia, o lugar e a parroquia cos seus modos de vida colectivos e autosuficientes sexan restaurados e máis pola iniciativa estatal despois de seren aniquilados o longo dos anos ó servizo dos intereses do capitalismo que desbotaba tal forma de poboamento por non ser aproveitable pra súa dinamica de produción, venda e endebedamento continuo. Ademais, o sistema de crecemento económico e industrial dos derradeiros corenta anos esixía un continuo aporte de man de obra, despoboando as aldeias e substituindo o poboamento disperso de Galiza polo conglomerado urbanístico das grandes cidades que na súa continua expansión chegou a absorber o poboamento rural cercano ata constituir o que agora chaman area metropolitana; area que na actualidade deu en formar un sistema de cidade única e continua, urbanizada compulsivamente dende a Guarda a Ferrol.

Logo o espirito que anima esta protección do meio rural vai encamiñada cara ó logro de dous obxectivos. Primeiro, o de potenciar o sector de servizos, o que é dizer a servidume. Proponse: “unha potenciación dos núcleos rurais asentados evitando a dispersión da urbanización e as edificacións e pondo atención na recuperación ambiental para poñer en valor o patrimonio cultural e natural” Ou o que é o mesmo: facer do mundo rural galego un parque temático coa rehabilitación museística e paisaxística das casas que aínda seguen en pé e cos núcleos que resistiron a forma de vida urbana e capitalista para facelos etnograficamente interesantes e rendibles cara a unha chamada masiva do turista da cidade. Un lugar onde se poda reencontrar por unhas horas coa natureza e co ritmo paseniño do campo, os vales e a montaña, voltando con novos folgos cara a súa explotación diaria. Deste xeito enténdese o arranxo duns anos para acá de casas grandes, pazos, casas de labranza, mosteiro vellos, conxuntos etnográficos –que así chaman agora as aldeas máis conservadas–, reservas naturais e areas recretivas as beiras de ríos e regatos, ben feitiñas, mais desnaturalizadas e frías tralo paso por elas da man do home.

E todo para ofrecerlle ó turista confort, comodidade e actividades axeitadas pra pasalo tempo e, ó mesmo tempo, procurar agochar da súa vista todo vestixio de industrialización, polución e ateigamento que rodea os illotes do turismo rural. Outro xeito de alienación prodúcese cando o turista –a maioría das veces doutras zonas da península e Europa– con máis cartos, directamente merca o seu anaco de paraíso a prezo de saldo, levando consigo todo o vicio propietarístico da cidade, namentres os veciños e poboadores de orixe teñen que ir morrer a cidade e probablemente, anos máis tarde, o inversor o venda con boas ganancias .

Tamén se está a potenciar o sector agropecuario como motor económico, etc... Mais como a dinámica capitalista só deixa subsistir aquelas explotacións –e xa a propia palabra o di– intensivas, furiosamente mecanizadas, demandantes de velenos fitosanitarios, fertilizantes e pensos que poidan competir nas bolsas da especulación alimentaria e se preguen ós intereses e mercadeos dos intermediarios e grandes superficies, desbótase por completo a gandería e agricultura tradicional, pegada a terra e integrada nela. Esa agricultura, autosuficiente e colectiva e verdadeiramente respeitosa co entorno e os animais é relegada, puxándolle a ser un reduto costumbrista e pintoresco pra ós turistas aínda que pra moitas familias do interior é a súa única forma de subsistencia á marxe da sociedade e o mercado. No mesmo caixón poderiamos meter o empurre que se lle dá as piscifactorías e a acuicultura… na vida mariñeira; a especulación e explotación, metro por metro de costa nas vilas e os pobos do mar e a venda por lotes a turistas adiñeirados namentres a poboación non pode aspirar a mercar nin alugar vivenda nengunha e a carestía da vida aumenta de xeito alarmante.

Iste é o futuro de protección que lle espera ó mundo rural por parte das institucións e os grupos empresariais: que turistas de aquí e acolá, fillos e netos dos homes e mulleres que morreron sós e case na miseria nas aldeias ou que tiveron que deixar cair ou vende-las casa e os eidos ó cacique pra marchar a cidade , volten agora como viaxeiros de días para descansaren da súa explotación laboral e social. A reencontrarse co que perderon, e a deixaren os cartos nos petos dos bancos que emprestaron o diñeiro á xente pra rehabilitar as casas ou abrir comercios de artesanía cando non a moito cacique que reconverteu a súa actividade cara a iste sector.

No mundo urbano, xa ó estado quedalle pouco por regular, como se di “xa está todo o peixe vendido”. O único que pode facer é enaxenar máis solo patrimonial público polo sistema de concurso para que o aproveiten aqueles consorcios que mintan millor. Sacarlles vivendas de prezo taxado, protección oficial, alugueiros e outras varias trapalladas como equipamentos colectivos de carácter urbanístico non especulativo –miserables parques e raquíticos xardíns–, melloras de aforro enerxético e emprego de outras tecnoloxías e enerxías –unhas placas solares– e máis ciscar parques empresariais, especulando co chan nas beiras das vilas aínda non moi industrializadas, ou prohibir no papel as infravivendas en rochos e sotos…
Xa para rematar contémplase, por si non nos ficase ben claro, a posibilidade, posto que se dá por feito o crecemento continuo, que os terreos rústicos ainda que teñan potencialidade produtiva “poderanse clasificar como urbanizables cando sexan colindantes con solo urbano sempre que se estime necesario pro crecemento concentrado e controlado do solo urbano”… sic.

Fronte a iste sistema imposto, hoxe, coma sempre, con máis forza e máis razóns ca nunca tense que loitar pra que neste eido da vivenda e da ocupación do chan polo home, –coma noutros do desenrolo humán–, as ideas e as formas de vida colectivas, antiautoritarias, autoxestionadas, anticapitalistas e ácratas prendan coma a pólvora na poboación, destruíndo, desterrando e soterrando iste sistema produtivo e de explotación absoluto do capitalismo global e máis do imperialismo dos estado e as nacións. Polo que pra escomenzar faríase necesario acordar:
A extinción da propiedade privada e a destrución dos rexistros da propiedade. A paralización absoluta da construción tanto de vivendas e edificacións oficiais como de infraestruturas e equipamentos. A ocupación –previo inventario exhaustivo cos instrumentos técnicos e soportes informáticos: catastro, satélites…– e repartición das vivendas baleiras; rúa por rúa, mazá por mazá, barrio por barrio e aldea por aldea. A derrogación de toda lei de ordenación urbana e rural e planeamentos municipais, autonómicos ou estatais. A intervención e colectivización de tódalas empresas de construción, de maquinaria e de materiais. A demolición das aberracións que atentan contra o espazo natural, sexa nas costas ou no interior. A destrución das urbanizacións vencelladas a portos desportivos, campos de golf, estacións de esquí e similares e aquelas turísticas que invadan o espazo colectivo. A ocupación das vivendas ostensiblemente luxosas, dos edificios das administracións do estado, da banca, das empresas e da igrexa con fin de darlle u uso colectivo ben como vivendas colectivas, comedores populares, residencias médicas, residencias pra anciáns, garderías i escolas, espazos culturais ou almacéns de uso comunal. O intercambio libre de moradas entre os habitantes. O desmantelamento progresivo das grandes cidades e metrópoles pra promover a ocupación de pequenos núcleos rurais cun máximo de habitante/ m2. O saqueo e desmantelamento das grandes areas comerciais. A paralización das infraestruturas de transportes, fomentando e promovendo o ferrocarril convencional, o ferrocarril de vía estreita, as conexións de poboacións por axeitadas redes das actuais vías secundarias, e a limitación exhaustiva do transporte privado. A repartición do solo produtivo agrícola, forestal e gandeiro e a prohibición de intervir nos espazos naturais delimitados agás pra súa conservación, melloras ou recuperación de especies. Autoregulamento pra limitación da reprodución da nosa especie baixo parámetros obxectivos de natalidade-mortalidade.

...o proceso revolucionario está aberto...

SUSTENTABILIDADE:
ORIXE, USO E CONTIDO DO TERMO

V. M.


EL LENGUAJE INSOSTENIBLE
ALBERTO DOMÍNGUEZ


PAU E CENOURA
OTTO MÁS


COMO SE SOSTÉN ISTO?
REBECA BACEIREDO

CAPITALISMO E ECOLOGIA
ROI FERREIRO

SUSTENTAR A VIDA OU SUSTENTAR O DESENVOLVEMENTO?
AURELIA SMITH

A OPINIÓN DUN EXPERTO
REMIXIO F. S.

EL "MITO DE LA RIQUEZA" Y
EL "MOTIVO DEL MAIZ QUE LLORA"

PEDRO GARCÍA OLIVO

UNHA PANTASMA PERCORRE VIGO
GRUPO DE AXITACIÓN SOCIAL

O FUTURO DA LOITA CONTRA REGANOXO: CARA ONDE IMOS?
UN LIBERTARIO (REGANOSADEMOLIZON.ORG)

MEREXO RESISTE
DIEGO AMEIXEIRAS

CAPITALISMO...
VERDE E SUSTENTABLE

ENRIQUE LÓPEZ

FORMIGÓN, HEDRAS E SILVEIRAS
GRUPO ESTRUME E BORRALHA

UNHA LOITA SOSTIBLE?
ELISEO FERNÁNDEZ

TERRA DE COBRE E CHISPAS
VENTO MORTEIRA

CANCIÓN PARA EL HOMBRE CABAL
RAFA BECERRA

MALAS Y BUENAS NOTICIAS
SANTIAGO ALBA RICO

mensagem aos povoadores
PAULO HORTAK

INMUNDICIA
DERRADEIRA CIDADE

Tirado da
"Carta a un refÉn"
ANTOINE DE SAINT-EXUPÉRY

ACHEGAS GRÁ�FICAS

Colectivo editorial Renderén | colectivo.renderen(a)gmail.com | OURENSE - Galiza