SUSTENTAR A VIDA OU SUSTENTAR O DESENVOLVEMENTO?
AURELIA SMITH
Poderán cortar todas as flores, pero non poderán deter a primavera. Pablo Neruda.
Ou si?
Se damos crédito ás impresións dos nosos vellos, semella que a fonda, fermosa e esperanzadora intuición do poeta non foi quen de chegar a imaxinar e percibir en toda a súa verdadeira dimensión o drama provocado pola contumacia tecnocrática. Cantas primaveras serán aínda capaces de rebelarse para así revelarse?
Aínda que plantexado noutros termos dende había xa moitos anos, o concepto de “Desenvolvemento Sustentábel” nace como tal a finais do século XX como reacción a unha cultura do crecemento enfrontada a unha crise estrutural por definición inevitábel,e cuxa precipitación só depende do ritmo da súa expoñencialidade.
A imposibilidade lóxica da conciliación dambos conceptos é manifesta para todos/as aqueles/as que coñezan minimamente a mecánica do Sistema Capitalista. Así como non pode existir en verdade democracia, porque ambos termos do composto se exclúen mutuamente: o demos endexamais pode ser kratos (o pobo endexamais pode confundirse co Poder porque é, por definición, exactamente o contrario), así tampouco pode existir ningún Capitalismo Ecolóxico, porque Capitalismo e Ecoloxía néganse frontalmente: onde Esta atopa vida en fráxil equilibrio, Aquel só percibe recursos xeneradores de beneficio. Onde Ela recoñece harmonía nunha dinámica estabilidade, El só pode vivir dunha insaciábel expansión continua. O Capitalismo é esencialmente expansivo (está obrigado a ampliarse eternamente para así superar as súas propias contradicións esenciais;se non medra, entra en crise: eis a súa grande debilidade), e o planeta e boa parte dos seus elementos constitutivos (ía dicir recursos) non se poden expandir, son limitados. O Capitalismo é un globo obrigado a encherse cada vez máis, pero a encherse dentro dunha pequena peceira de vidro. En sustancia, Capitalismo sustentábel significa algo así como eterna expansión limitada. Ben parecido á cuadratura do círculo.
Constatada a súa imposibilidade lóxica, cómpre lembrar que a inviabilidade económica e ecolóxica do Capitalismo é manifesta e coñecida dende hai moitísimos anos. Fora xa percibida nos albores do Capitalismo Industrial decimonónico, e o propio Marx responsabilizou ao Capitalismo de ser o responsábel da apertura dunha fenda metabólica entre o ser humano e a natureza (advertindo de paso sobre a necesidade dunha relación sustentábel entre o ser humano e a natureza que debía rexirse polo principio de mantemento medioambiental e polo benestar das futuras xeracións). Mágoa que Engels non integrara na súa crítica a economía ecolóxica do físico ucraniano Podolinsky, quen a finais do XIX plantexaba xa a idea do retorno enerxético mediante o concepto de coeficiente económico (1).
En datas xa máis recentes, o bloqueo do modelo de desenvolvemento capitalista contemporáneo tivo que ser recoñecido oficialmente polo Clube de Roma pouco antes da primeira grande sacudida da crise enerxética finisecular (“Os límites do crecemento”, 1972). Eran tempos de crecente concienciación ecoloxista, tanto en Nacións Unidas, como en certos sectores ilustrados das sociedades avanzadas.
Daquela, nese crítico contexto, case afogado entre a espada -da crise- e a parede -da limitación ecolóxica-, o Sistema non tardou en atopar o que creu a súa pedra filosofal. Na porqueira institucional, no círculo burocrático-académico e tecno-ecoloxista (laboratorio alquímico onde os haxa), o reformismo, empeñado na supervivencia do monstruo, atopou a máscara idónea. Co seu estrume deseñou a metamorfose da criatura. Operou a máxica confusión do inconfundíbel.
Así, tras a súa formulación inicial (Informe Brundtland, 1987; Declaración de Río, 1992 etc), a Superestrutura Ideolóxico-Cultural, utilizando todo o arsenal do complexo espetacular que a constitúe actualmente, procedeu á divulgación da nova Idea nos escenarios políticos, mediáticos e ata nas institucións escolares. Mediante os consabidos mecanismos de neutralización por asimilación, a crítica ecoloxista orixinal quedaba convertida nun novo, piadoso e moderno traxe para o mesmo Sistema de sempre.
De como foi a sustentabilidade sometida ao desenvolvemento capitalista, e non á inversa, dan boa conta as novas e abundantes presentacións ecotecnolóxicas: autos ecolóxicos, bio-combustíbeis, enerxía verde -para continuar coa dependencia e o babilónico despilfarro da suciedade de consumo-, cultivos transxénicos, electrodomésticos de clase A, edificios enerxeticamente eficientes -e ata intelixentes- para a mesma especulación inmobiliaria de sempre (cemento e máis cemento alí onde miles de vivendas apodrecen valeiras, concebidas como lucrativos fondos de investimento), turismo de masas pero sostenible etc. A insolencia chega ata o punto de presentarnos agora á enerxía nuclear como a solución máis ecolóxica, ante o acuciante imperativo de redución das emisións de gases de efecto invernadoiro.
Todas elas constitúen evidentes mostras da forzada adaptación dunha timorata seudo-ecoloxía ao Capital e á súa necro-lóxica. En ningún caso foi o modelo ecolóxico o desenvolvido (aquel representado basicamente polas enerxías limpas, autoxestionadas e renovábeis, a agricultura ecolóxica, a redución do consumo e dos residuos, o transporte público, preferentemente en tren, a mobilidade responsábel etc). Non, non foi a eco-lóxica a aplicada. Resulta evidente que a prioridade foi -e é- a preservación do modelo capitalista vixente. Este e non outro, foi o sustantivado e “sustentabilizado”, isto é, representado agora como ecolóxico, disfrazado de responsabilidade ambiental e xustiza social, pero esencial e contumazmente sometido á mesma e suicida razón de sempre, a do beneficio.
Ben é verdade que de ningún outro xeito podería ter sido dentro do marco Capitalista, dada a absoluta incapacidade do Mercado para valorar as externalidades (2).
Velaí temos, pois, ao concepto convertido nunha dupla trampa: a) Dunha banda, unha mentirosa confusión, dada a imposibilidade lóxica de refundir dúas ideas que se negan por definición. b) Doutra, un sofisma destinado, antes que nada, á lexitimación dun Sistema criminal e ecocida. A maquillaxe da sustentabilidade saca da manga un Capitalismo con presunto “rostro humano”.
En resumo, na confusión destes dous termos antitéticos e por definición excluíntes -Ecoloxía e Capitalismo-, o Capitalismo foi a prioridade (o sustantivo), a Ecoloxía a comparsa (o adxectivo). Nada que moitos/as non soupérades xa.
Como sabedes, unha terceira compoñente nutre a hipocrisía do novo proxecto reformista: a da redistribución económica. Deste xeito, ademáis de desenvolvemento, ademáis de ecolóxico, a nova panacea se pretende socialmente xusta e equitativa: erradicará a pobreza do mundo. Permitiredes que ignore por procaz e insultante semellante pretensión e me limite á súa breve mención e denuncia. A fábrica capitalista de acumulación e miseria ten sido de sobra demostrada por toda a historiografía marxista (entre outras), pero aínda máis eficientemente por millóns de cadáveres desnutridos e buitres ben mantidos. Acumulación e proletarización son dúas faces da mesma moeda do Capital, incomprensíbeis a unha sen a outra.
Pensar que os novos modelos de Progreso vaian poñer fin a semellante Realidade, é tanto como imaxinar beneficio sen venta, produción sen costes ou río sen auga. As taxas de beneficio do Capital tenden a estancarse no Centro, dadas as necesidades de consumo e dadas tamén as condicións laborais dese espazo económico (son precisos salarios que manteñan un certo Poder adquisitivo, pois de non ser así, caería a demanda e conseguintemente as ventas e beneficios). Cada vez hai menos marxe para as empresas produtivas nesa zona. Cousa ben diferente ocurre na Periferia, onde os misérrimos salarios favorecen pingües plusvalías forzando así á cínica “deslocalización” e proporcionando deste xeito un balón de oxíxeno a un Sistema ao borde do colapso de persistir as coordenadas vixentes. Unha redistribución real e honesta remataría de afogar a este Sistema tan abafado como abafante. A equidade real significaría a fin do Beneficio, a fin do Capitalismo.
Boa proba da falacia deste estúpido argumento é o incremento dos investimentos en compañías de seguridade e defensa privadas que, segundo as últimas noticias, superan xa os investimentos en materia de enerxías limpas ou tecnoloxías da sustentabilidade. Se queres coñecer as verdadeiras intencións del alguén, fíxate en que inviste o seu diñeiro. Semella que Blackwater se convertirá na nova Cruz Vermella do Desenvolvemento Sustentábel (3).
Estes datos demostran a plena instrumentalización da Idea de Sustentabilidade por parte do complexo tecnolóxico e militar imperial. A sustentabilidade e a ameaza do terror constitúen coartadas perfectas para o somentemento tecnocrático. Pero non nos enredemos máis nesta groseira dimensión da Mentira.
Paralelamente á divulgación de toda esta infame zarapallada, as máis rancias expresións dun Desarrollismo salvaxe comezaron a a ser percibidas como propias de repúblicas bananeiras aínda non evolucionadas democráticamente, ou dun Imperio borracho e afogado na súa propia lóxica de Poder (caso dos países “en vías de” ou dos Estados Unidos na súa voracidade), pero que, en calquera caso, cumpría tutelar para evitar o colapso ecolóxico globalizado.
Deste xeito, unha vez cobrada a súa cota de barbarie –e conseguintemente contraída unha débeda ecolóxica que debería recoñecer e empezar a pagar-,o etnocentrismo europeo pasaba a presentar o seu proxecto de política económica, recentemente actualizado, como a máis alta evolución da conciencia civilizada. Despois de contribuir decisivamente á creación do problema, Europa e a súa nova política económica se pretenden a única esperanza de solución ou remedio (e para colmo da hipocrisía e o autoengano, faino ebria dunha superioridade moral tan miope como falaz).
A partir de entón -cando o novo negocio estivo listo- comezaron as présas: as súas urxentes receitas deberían ser aplicadas por todos, de xeito que aqueles que aínda non asentaran o seu desenvolvemento, deberían esquecer todo delirio de acumulación e crecemento, antes sequera de soñalos, para aplicar os necesarios axustes. Os países ricos dixéronlle ao humilde traballador, que dada a planificación vixente do sistema de transporte non pode senón moverse cunha furgoneta vella e contaminante –e iso a costa de grandes sacrificios e afáns-, que fora pensando en mercar o último modelo de automóbil ecolóxico, de baixo consumo, baixa emisión de gases e preparado para o novo negocio do biodiesel. En poucas e claras palabras: despois de provocar o seu raquitismo, os xigantes obrigaron aos ananos a abandonar toda esperanza de endexamais medrar.
A verdade que somos xente ben avanzada. Tan avanzada que a Morte non debe ficar moi lonxe…
Trampa dupla e hipocrisía incomensurábel. Catro palabras resumen o dito ata aquí. Ben. E nós? Que pintamos nós en todo este embrollo? Que pintamos escribindo, lendo ou reflexionando sobre as súas mentiras? Ata cando imos continuar seguindo a senda da axenda reformista?
Cómpre que deixemos de perder o tempo e a liberdade valorando as súas patrañas. É preciso desmarcarmos da actualidade. Sortear o espetáculo. Construirmos a nosa propia axenda subversiva (porque sustentar o desenvolvemento non é, nin endexamáis será, o noso problema; eses son realmente “os seus problemas”). Abrir vías de emancipación ideolóxica colectiva respecto desta e doutras trampas. Velaiquí algunhas propostas: como vivir ben sen traballar, como aprender sen escola, como facer máis pracenteiro o noso follar, como poder ter e coidar unha horta limpa e nosa, como ter unha vivenda digna sen hipoteca, como disfrutar fóra da discoteca… En suma: como vivir? Como sobrevivir baixo a dictadura da demanda, baixo o totalitarismo tecnocrático do Desenvolvemento Sustentábel? Estes si son os nosos problemas.
Un bon exemplo é o do neoliberalismo, que tanto obsesiona a boa parte da esquerda, nomeadamente en Latinoamérica. Que teñen de neo nin de liberais as políticas económicas actuais? De neo, algo, ben é verdade (por aquelo de neocoloniais). Pero de liberais? Pouco ou nada se observamos a dinámica xeoeconómica actual, marcada pola construción de espazos económicos rexionais ben regulados, pola imposición real de políticas intervencionistas e protecionistas baixo unha lóxica do beneficio totalizada. O neoliberalismo non é máis ca outra trampa ideolóxica. Un formalismo absolutamente carente de contido na práctica. Toda a crítica da esquerda social (pois outra non hai) ao neoliberalismo enrédase na denuncia do inexistente: non hai neoliberalismo real: todo é unha tapadeira ideolóxica do mesmo vello sistema de explotación dos pobos e os seus recursos de toda a Historia. Globalización, Pacificación e Neoliberalismo, novas formulacións do mesmo Imperialismo, Dominación e Explotación de sempre.
Xa que logo: facemos ben aceptando o combate ideolóxico que propón o Poder en torno a unha disputa do inexistente? Non fariamos mellor en defender as nosas necesidades, e polo tanto dereitos, desmarcándonos da axenda de distración masiva urdida pola Cultura do Espetáculo?
Ante esta nova e tramposa confusión de desenvolvemento e sustentabilidade, como ante todas as outras fabulacións da Ideoloxía Dominante, a resposta máis intelixente supoño que consiste, simplesmente, na denuncia radical da súa mentira sen máis enredos, e axiña proceder á expresión do verdadeiramente real e inmediato nas nosas vidas . Establecermos nós a axenda.
Primeiro punto: Non! Non pode haber crecemento ilimitado do modo de produción vixente nun contexto ecolóxico limitado, e menos aínda de xeito respectuoso con fundamentos da vida de cuxa explotación se lucra. E non hai máis! Unicamente burócratas e executivos, prepotentes grupos de intereses económicos devorando o planeta e aos seus seres e tentando perpetuar a súa funesta explotación mediante tapadeiras ideolóxicas permanentemente actualizadas. O beneficio é o único que este Sistema quere e pode sustentar.
Segundo punto: afirmar a soberanía sobre as nosas vidas, sobre a terra que nos alimenta, sobre o espazo que habitamos, sobre os bosques e os ríos, sobre os nosos barrios e cidades, sobre os nosos corpos, sobre o noso traballo e as nosas festas. Afirmar a vida que podemos vivir fronte á Morte que nos venden. Ningunha responsabilidade temos sobre o ecocidio global quen non temos Poder. Que ningunha colaboración agarden de nós para afianzar a atrocidade.
A sustentabilidade da vida exixe a fin do Desenvolvemento Capitalista! Antagonismos irreconciliábeis. Pobo ou Estado. Sustentabilidade ou Desenvolvemento. Razón ou rendibilidade. Autoxestión ou Barbarie.
Ah! E un humilde consello: se tedes que pillar unha lavadora, pilládea de clase D ou E, das de toda a vida: son máis baratas, se averían menos e centrifugan mellor…
(1) Ver a este respecto Mtnez Alier J. E Klaus Schluepmann. La ecología y la economía, México, 1991. (2) Véxase p. Ex. Kapp W., Social Costs, Economic Development an Environmental Disruption, Ed J. Ullmann, Lanham, 1983. Pero a bibliografía sobre o asunto é extensa. (3) Ver a este respecto o interesante e recente artigo de Naomi Klein titulado El mercado ya ha dicho que las armas le ganan a lo verde publicado en The Nation (http://www.thenation.com/doc/20071217/klein Pódese consultar a versión en castelán en rebelión: http://www.rebelion.org/noticia.php?id=60564 ) Permitímonos extractar algúns parágrafos: A idea de que o capitalismo pode salvarnos da catástrofe climática ten un poderoso atractivo. Dalle aos políticos un pretexto para subsidiar as empresas en vez de regulalas, e coidadosamente evade unha discusión sobre cómo a lóxica primaria do mercado, dun crecemento sen fin, levounos, en primeiro lugar, onde estamos. Sen embargo, ao parecer, o mercado ten outras ideas acerca de como enfrontar os retos nun mundo cada vez máis proclive aos desastres. Segundo Lloyd, a pesares de todos os incentivos gubernamentais, o grande capital estalle dando as costas ás tecnoloxías de enerxía limpa e, no canto disto, aposta polos aparatos que prometen selar aos países e individuos ricos en fortalezas de alta tecnoloxía. As áreas chave de crecemento no capitalismo de risco son as empresas de seguridade privada que venden equipo de vixianza e as privatizadas respostas ante emerxencias. En poucas palabras, no mundo do capitalismo de risco hai unha carreira entre os verdes, dunha banda, e as armas e as guarnicións, pola outra. E as armas van gañando. Segundo “Venture Business Research”, no 2006 as compañías estadounidenses e europeas que desenvolveron tecnoloxía verde e aquelas enfocadas á “seguridade interna” e armamento ían empatadas na competencia por novos investimentos: a tecnoloxía verde recibiu 3.5 mil millóns de dólares, cantidade que tamén recibiu o sector de armas e guarnicións. Pero este ano, as guarnicións de súpeto se incrementaron drásticamente. Os verdes recibiron 4.2 mil millóns de dólares, namentras as guarnicións case duplicaron os seus cartos, apañando 6 mil millóns de dólares en novos fondos de investimento… Naomi Klein, Copyright 2007 Naomi Klein. www.naomiklein.org
|
|
SUSTENTABILIDADE:
ORIXE, USO E CONTIDO DO TERMO
V. M.
EL LENGUAJE INSOSTENIBLE
ALBERTO DOMÍNGUEZ
PAU E CENOURA
OTTO MÁS
COMO SE SOSTÉN ISTO?
REBECA BACEIREDO
CAPITALISMO E ECOLOGIA
ROI FERREIRO
SUSTENTAR A VIDA OU SUSTENTAR O DESENVOLVEMENTO?
AURELIA SMITH
A OPINIÓN DUN EXPERTO
REMIXIO F. S.
EL "MITO DE LA RIQUEZA" Y
EL "MOTIVO DEL MAIZ QUE LLORA"
PEDRO GARCÍA OLIVO
UNHA PANTASMA PERCORRE VIGO
GRUPO DE AXITACIÓN SOCIAL
O FUTURO DA LOITA CONTRA REGANOXO: CARA ONDE IMOS?
UN LIBERTARIO (REGANOSADEMOLIZON.ORG)
MEREXO RESISTE
DIEGO AMEIXEIRAS
CAPITALISMO...
VERDE E SUSTENTABLE
ENRIQUE LÓPEZ
FORMIGÓN, HEDRAS E SILVEIRAS
GRUPO ESTRUME E BORRALHA
UNHA LOITA SOSTIBLE?
ELISEO FERNÁNDEZ
TERRA DE COBRE E CHISPAS
VENTO MORTEIRA
CANCIÓN PARA EL HOMBRE CABAL
RAFA BECERRA
MALAS Y BUENAS NOTICIAS
SANTIAGO ALBA RICO
mensagem aos povoadores
PAULO HORTAK
INMUNDICIA
DERRADEIRA CIDADE
Tirado da
"Carta a un refÉn"
ANTOINE DE SAINT-EXUPÉRY
ACHEGAS GRÁ�FICAS |